Levamos
o apelido do noso pai e o apelido da nosa nai. Daquela tamén levamos os
apelidos dos nosos avós (o pai do noso pai e o pai da nosa nai).
Pero...non levamos os apelidos das avoas!
Co importante que son as nosas avoas! Non só polos coidados, os bicos e as ricas filloas...
Sen elas...non existirían nin o noso pai...nin a nosa nai. Daquela, non existiríamos nós tampouco...
Canto lles debemos ás avoas! Mulleres maiores que aportaron á nosa vida.
Estaría ben coñecer mellor ás nosas avoas, e comprender mellor a nosa identidade e sentir orgullo de ser...quen somos!
Son As Nosas Avoas.
Por iso queremos facelas visibles! Queremos encher os corredores do
colexio coas avoas como protagonistas. Neste mes de marzo, comezando
coa celebración do 8M.
Cómo facemos?
1. Documentámonos sobre as nosas avoas. Procuramos tempo para falar con elas, estar con elas e perguntarlles:
- Data e lugar de nacemento. Este dato é importante para situar ás nosas avoas na época que lles tocou vivir.
- Traballo ou traballos que teñen e que tiveron ao longo da súa vida.
- Habilidades e outras actividades. Que lle gusta ou sabe facer ben a avoa?
- Dito ou frase dela
Tamén podemos completar a información cos nosos pais ou con outra xente que as coñece ben, familiares ou amigas e amigos.
Avoa
tamén pode ser...a Bisavoa ou...aquela tía ou madriña que viviu con nós
na casa e que por idade podería ser avoa... A que nos aprendeu moitas
cousas, entre elas...a medrar!
2. Rexistramos a información.
Tomamos apuntamentos dos datos. Facemos un borrador do texto que
queremos facer público. Revisamos e corriximos, para que non leve erros
ortográficos.
3. Procuramos unha foto
representativa da avoa. Foto onde ela é a protagonista, onde se vexa o
seu rostro, a súa faciana. Se non temos foto da avoa...tirámoslle unhas
cantas e escollemos con ela cal é a mellor, a que vai a ser publicada.
Xogamos a ser reporteiras e reporteiros da imaxe da avoa. Ainda non pegamos a foto en ningures. Traemos foto por un lado e borrador do texto polo outro.
4. Nun soporte de cartolina tamaño A4, que se vos entregará despois, montamos e colocamos a información xa corrixida:
A miña AVOA _______________, a foto e o texto acompañante estructurado.
Lembra
que estas fichas das avoas son para ser expostas nos corredores do
colexio. Deben ir en letra ben clariña posto que é para que se poda ler
con facilidade. Por iso é ben facer o borrador antes e non escribir directamente na cartolina.
Se tes dúbidas, co borrador, pide axuda á titora para corrixir e ter un texto sin faltas. Podes empregar as tecnoloxías para asegurar un texto lexible.
Ao
final do curso queremos facer libros de fichas das avoas ou para a nosa
Biblioteca. Por iso queremos que as fichas leven o mesmo tamaño e forma,
para poder encadernalas sen problemas.
Animádevos a participar desta actividade! Cantas máis avoas, máis aprendizaxe para nós.
Ademais, deste xeito pasaremos máis tempo con elas. É importantísimo xuntar as
xeracións...O pasado e o futuro nun presente!
Esperamos polas vosas e nosas avoas! Queremos coñecelas!