martes, 28 de xuño de 2016

VISITA A VIVEIRO. GALIPIZZAS NO MONTE SAN ROQUE!

O día D: o 6 de xuño, pola mañá ben cedo...
Como dí parte do nome da Irmandade...De Escarabote a Santa Rita partiu do Porto, non un barco, senón un autobús cun grupo representativo do noso cole: o alumnado de 3º curso, a súa titora Ermi e a coordinadora do EDLG, a mestra Sonia.


Agardáronnos e recibíronnos con mota ilusión no CEIP Plurilíngüe Santa Rita, en Galdo, Viveiro.

Na entrada do colexio de Galdo, un recibidor do máis alegre con exposición de traballos "O refraneiro de Cervo a Viveiro", "Os soños de Manuel María", "A vista dos meus ollos"...e o recuncho do Erasmus+ engalanado con alusión á banda deseñada.

 Os soños de Manuel María, os que non poden estar engaiolados...


 
O libro en forma de mapa de Galicia era o correspondente aos traballos de 3º e 4º curso. 


 
As vista dos meus ollos dende as ventás do alumnado de 3º e 4º de Galdo

Na Sala de Usos Múltiples fíxose a Recepción e Presentación de ámbolos dous colexios. Alumnado de 3º curso dun e doutro centro, alternándose as parellas,  foron falando do seu cole, dos seus mestres, das similitudes dos coles e dos Proxectos nos que traballan. 
 Antón e Javi , de Escarabote
 Santi e Andrea , de Galdo

Ensináronnos o cole, as dependencias, as aulas, todo o espazo verde, o invernadoiro, o comedor...



 Canto verde que ten este colexio...ainda hai unha tirada ao invernadoiro.


Visita rápida ao comedor e ás cociñeiras.
Non deu tempo para mais no cole . Un bus estaba agardando polos dous grupos de alumnado. Compartimos bus até San Roque
Que sorte que había sol!...

A mestra Rebe e o mestre Luis organizaron ao alumnado en grupos heteroxéneos para facer unha singular Caza do Tesouro, empregando as pistas e os lugares propios de San Roque: a hermida, o hórreo, as grellas,...

 Atención aos Equipos e ás instrucións do xogo!


 Ai, mestra Rebe...onde estarán as pistas?


No hórreo...haberá  pista?
 
E nas grellas tamén!

Pasáronno  moi ben traballando en grupos na procura do tesouro... Que tesouro?! O tesouro chegou nunha forgoneta da Pizzburg: 15 Galipizzas familiares para papar tranquilamente nas mesas de pedra. Os grupos, xa estaban feitos, os da Caza do Tesouro.




 Que galirricas as Galipizzas!

Despois de comer , fomos a disfrutar das fermosísimas vistas dende o Mirador de San Roque. Puideron comentar o que vían, explicar,... e situarse nos lugares.



 Viveiro en miniatura, como se dunha maqueta se tratara.

Logo, máis xogos cooperativos. Tamén en gran grupo. Que ben o estábamos pasando co Paracaídas de cores seguindo as consignas do mestre Luís cando...caeu unha inesperada treboada que nos deixou pingando!




Mollámonos! Tivemos que parar o xogo e meternos no autobús que nos levaría de volta a Galdo. Os mestres anfitrións chamaron ás nais da ANPA para que nos tiveran preparados...secadores do pelo!

Chegamos de volta ao colexio de Galdo. Os que tiñan muda secáronse e cambiáronse. Os que non a tiñan...pasaron polos secadores! Unha vez secos, un grupo seguiu no corredor da entrada principal mirando e comentando os traballos expostos. Outro grupo, dentro da Aula de Usos Múltiples descubriu os robots pintores. O mestre Marcial explicoulles o funcionamento deste curioso invento e agasallou ao alumnado de Escarabote con un destes robots pintores. No autobús de volta a casa  o robot non tiña que pintar pero...o caso foi que non parou de moverse en toda a viaxe...até que fallou o motor...
 Como traballaron os poemas de Manuel María en Viveiro?




 O mestre Marcial e a mestra Mari Pernas poñen en funcionamento os robots pintores


Antón co robot que viaxaría a Escarabote.
Xa estaba acabando a xornada, ou non?...
O autobús levounos de Galdo... ao Gadis da Estación. Ainda non nos viñemos de volta á casa daquela. Quixemos coñecer o casco histórico de Viveiro.

A mestra Mari Pernas ofreceuse a ser a nosa guía . Descubrimos a estatua de Pastor Díaz, na Praza Maior. Vimos as rúas e a igrexa de Santa María, tamén A gruta de Lourdes. Soubemos que Viveiro ten unha historia milenaria. Antigamente, unha muralla romana rodeaba o casco antigo.Desta muralla quedan como testemuña varias portas: Porta de Carlos V ou principal, Porta da Vila e Porta do Valado ou Calexón das Monxas.
Foi un bo paseo turístico.

 Lendo para saber quen foi Nicomedes Pastor Díaz.

 O Calexón das Monxas e a Porta do Valado.

 A Gruta de Lourdes

 A igrexa de Santa María 

Pola Rúa principal de Viveiro ( Rúa de Abaixo), a máis comercial detivémonos na Libraría Porta da Vila. No escaparate da Libraría puidemos ver os discos de Sés e o Deserto de centos ...de Sonia Lebedynski!



A Libraría Porta da Vila é un referente importante en Viveiro. Case como sería a Xistra de Manuel María...pois só lle faltaría a cerámica de Sargadelos! Esta libraría Porta da Vila ofrece unha ampla e moi boa escolla do Libro en galego. Ten un espazo   especial adaptado para nenos e nenas dende os máis cativos, incluso para bebés. Libros disco, álbum ilustrado, libros informativos de gran calidade. Ampla oferta na nosa Lingua.

O paseo pola vila tamén incluiu un xeado...un ou catro polo mesmo prezo. Tanta sorte deixounos abraiados. Non podiamos crelo! Un pau tras outro levaba escrito o premio. Por un euro...catro xeados, tres de premio.

Ía chegando a hora de marchar, pero ninguén parecía canso. Antes de subir ao bus merendamos das Galipizzas sobrantes.

Deixamos Viveiro físicamente, contemplando a súa Ría, a súa Ponte Romana, o Conservatorio, o cine,...

A paisaxe que podíamos ver dende o bus e antes de chegar á Estación de servizo de Guitiriz era verde... montes curvilíneos de árbores . As aspas dos muiños eólicos xirando...mentres o sol trataba de agocharse. Fomos así, cruzando A Gañidoira e cambiando de provincia de Lugo a A Coruña.

Era mais tarde do esperado cando chegamos de volta ao Porto de Escarabote. As familias agardaban a chegada dos seus. Retiráronse axiña, amosándose xa cansos. Ao día seguinte era martes de escola e tiñamos xa a primeira hora unha actividade especial, unha visita..

Pasámolo moi ben, coñecéndonos , xogando, compartindo tanto os do Atlántico das Rías Baixas cos do Cantábrico das Rías Altas.
Encántanos esta experiencia de Irmandade e intercambio entre centros. Moitísimas aprendizaxes ,dende as presentación e contactos por carta e online , non só na xornada de convivencia.

Para o vindeiro curso  o CEIP Escarabote  será anfitrión dunha representación de Galdo que veña para outra  xornada de convivencia, logo de establecer contactos de distintos xeitos ao longo do curso.
Que será agora? Audiovisual? Videos? Videocontos? Audios? Receitas? Calquera cousa para seguir a traballar A Fala e tamén a escrita na Nosa Língua.


Ningún comentario:

Publicar un comentario