luns, 30 de novembro de 2015

25N BÁGOAS... E MILO LOCKETT


Cada 25 de novembro temos unha cita para manifestarnos no Día Internacional da Non Violencia de Xénero.

Manifestarse quere dicir expresarse facendo visible algo que ESTÁ MAL pero que alguén trata de agochar ...
O problema existe, existe a Violencia de xénero e son moitas as víctimas que a sofren e mostran rostros cheos de tristuras e dor e derraman bagoas...

Buscamos un artista que fora representativo deses rostros femininos na súa gran maioría... e...atopámolo! El é Milo Lockett....



As súas pinturas foron inspiradoras, polas cores, as formas, a sinxeleza das figuras e case todas...rostros femininos! Sen dúbida a fonte na que inspirarnos. 



Algúns rostros de Milo que guiaron a nosa particular proposta e artistada!


Primeiro preparamos os cartóns de fondo. Esponxas de cores para refregar e salpicar sobre os cartóns. Mans menudas traballando á vez, arredor do mesmo cartón, misturando cores e emocións.
O luns 22 xa estaban os cartóns secos, os fondos armados.

Alumnado de 5º e 6º, logo de documentarse no estilo do artista Milo, debuxaron os rostros, primeiro facendo un sinxelo bosquexo con xiz e logo perfilando o rostro con pincel e pintura negra. Esaxerando as caras, os ollos, de onde logo pendurarán panos a modo de bágoas.







Un grande trozo de cartón mostra un fragmento do Poema BÁGOAS escrito da man e do pincel da mestra Sonia. Todo comeza a ambientarse para o mércores 25, o día de Actos de Conmemoración.

Unha actividade organizada  por Ciclos arredor dunha estructura similar. O Acto Conmemorativo tivo lugar na Biblioteca. O alumnado sensibilizou co tema, léronse as lecturas recomendadas, olláronse impactantes videos, manifesto recital e algunha performance.








 Lectura do poema Bágoas e reparto da pulseira de trapiño morado. Todo moi significativo, ata a cor das pulseiras, cor da que se poñen os golpes recibidos. Os panos que trouxeron da casa representan os panos que limpan as bágoas das víctimas da violencia de xénero.








Exposición nos corredores, Actos na Biblioteca e ao facer bo día, na saída transladouse a exposición dos rostros de bágoas a fóra para poder ser vista polas familias. Para que a mensaxe chegue cada vez máis lonxe...


 







Non á violencia de xénero! 


25N.   BÁGOAS 

Choramos bágoas...
algunhas veces son bágoas de ledicia,
outras de preocupación,
de vez en cando choramos bágoas de medo. 

Choramos bágoas de rabia
cando non podemos conseguir aquilo que desexamos.
Choramos bágoas de entusiasmo
cando o esforzo mereceu a pena.

Bágoas...
son tantas e tan diversas.

As bágoas das mulleres maltratadas
saben a dor, a rabia, a tristura.
As bágoas das mulleres maltratadas
non teñen canción, son silenciosas.
As bágoas das mulleres maltratadas
vístense con maquillaxe, gafas de sol e bufandas.
As bágoas das mulleres maltratadas
mollan moitos panos cada día.

Os panos das bágoas gardan recordos amargos,
os panos das bágoas agochan segredos,
os panos das bágoas consomen o tempo,
os panos das bágoas debuxan sufrimentos.

Non queremos máis bágoas de mulleres maltratadas
queremos panos que bailen co vento.


Sonia Lebedynski
para a Conmemoración do 25N 2015



Ningún comentario:

Publicar un comentario