mércores, 29 de xuño de 2016

SEMENTANDO NA HORTA GALEGA!


Galicia docemente está ollando ao mar...e tamén ten moitas, e moitas, terras para labrar.... 

No noso colexio temos moita zona verde e...ata un cadradiño de terra, que este ano comezou a ser a nosa leira de aprendizaxe.
Que sería de Galicia sen sacho e enciño! Sen sacho non habería...festas gastronómicas! E como nos gusta a festa e nos gusta comer...haberá que sementar e cultivar!

Comezamos co Proxecto Horto escolar. Contamos coa implicación da Comunidade educativa. As familias axudáronnos moito! Tamén o Concello, que nos trouxo a terra.

Participamos catro grupos de alumnado: 6º de infantil, 2º, 3º e 6º de EP. Entón organizámonos en catro grupos de Traballo segundo o tipo de cultivo: de folla, de froito, de raíz e aromáticas. O Concello, para axudarnos no proxecto, trouxo terra par ese  cadrado que temos. Fixemos un plano para dividir o terreo e organizar os cultivos.


Ao longo deste curso quixemos aprender todo o relacionado ca cultura tradicional galega vencellado aos cultivos, aparellos, técnicas, productos da terra, profesións que gardan relación co traballo dun horto, as experiencias máis cercanas... Aprendimos moito vocabulario en galego (nomes de froitos e froitas, das árbores, das verduras e hortalizas, das plantas...) que reforzamos cos libros discos de Pablo Díaz ( Árbores froiteiras , Crema de verduras,...) e tamén nos versos de Manuel María: O arado, O carro , A fouce...
 Documentámonos coas familias, na rede e nos libros informativos. Cada cultivo...ten as súas necesidades e...xa sabemos: as plantas medran segundo quen as plante.

Puxémonos a  materializar todo ese coñecemento cas nosas propias mans...aplicando as aprendizaxes acadadas, formulando hipóteses e comprobándoas, aprendendo dos erros e das circunstancias das que non podemos exercer control. O tempo meteorolóxico non axudou a que se cumpliran os prazos previstos no horto, tendo que replantar en varias ocasións retrasando así os tempos de maduración pero os procesos foron moi significativos e estimulantes e unha continua fonte de aprendizaxe e motivación para futuros hortos.

Rexistramos nos cadernos de Lingua galega os procesos para cada un dos cultivos. Tamén procuramos e reescribimos receitas cos cultivos que temos plantados na horta. Os básicos da gastronomía galega: patacas, allos, cebolas, leitugas, tomates...
Unha novidade e un exitazo: os raviños


No terceiro trimestre visitamos as instalacións de Agroverde, na Pobra do Caramiñal, para darlle pleno sentido ecolóxico ao noso proxeto e para aplicar no noso horto.

 Deste xeito, os pequenos e pequenas aprenderon da xente maior do seu entorno e tamén a xente maior aprende dos pequenos e pequenas da casa. Aula aberta e en familias, en Comunidade. Que non se diga que a xente nova non sabe o valor do sacho e da terra!

Ningún comentario:

Publicar un comentario